Blogia
FOLCKLORE GALEGO

PRINCIPAIS GRUPOS DO FOLCKLORE GALEGO

XACARANDAINA

XACARANDAINA Formouse en outubro de 1978 na cidade da Coruña con membros de distintas agrupacións. O obxectivo principal e fundamental do Grupo de Bailes e Música Tradicionais Xacarandaina é a investigación do folclore de Galicia, procurando non desvirtuarlo en ningún dos seus detalles. Para isto, o Grupo desprázase polas distintas aldeas e poboacións do país, facendo un importantísimo labor de campo, recuperando así músicas, bailes, danzas, cancións, instrumentos e traxes autóctonos. Froito deste labor o Grupo ten recollidos e montados arredor de 150 bailes e outras tantas pezas de música.

No momento da súa formación o Grupo estaba composto por trinta persoas e dirixíano Rosi Ares e Lino Rivas. Na actualidade o Grupo está composto aproximadamente por uns 70 compoñentes, de idades comprendidas entre 18 e 30 anos, na súa maioria estrudiantes procedentes da escola de Xacarandaina, ben directamente das clases que se imparten na propia Asociación ou ben das clases que imparten os compoñentes do grupo noutros centros, ensinando a bailar a máis de catro mil persoas.



O Director do Grupo de Bailes Tradicionais Xacarandaina é, dende novembro de 1.982, D. Henrique Peón Mosteiro.

# Divídese o Grupo en tres seccións: Grupo de Baile, Gaiteiros e Pandereteiras; sendo, estas últimas, o primeiro grupo destas características creado en Galicia. A meirande parte das súas actuacións teñen sido en festas populares por toda a xeografía galega, contribuindo desde xeito a promocionar o folclore galego no seu lar, sen esquecer as numerosas actuacións en concursos e festivais a nivel nacional e internacional. Preme aqui para ver os COMPOÑENTES do Grupo de Música e Baile Tradicional
Nestes intres, o grupo ten repertorio suficiente como para facer varios espectáculos de tres horas seguidas, con baile e música tradicional de case toda Galicia, e con gran riqueza e diversidade de vestiario. En 1990 gravouse un disco con temas recollidos polo Grupo e colaborouse en dous discos de folclore internacional, grabados en Francia.


Debemos destacar tamén que non só o Grupo de Bailes Tradicionais Xacarandaina destaca nesta faceta, senón que tanto o Grupo de Cantareiras-Pandereteiras coma o Grupo de Gaiteiros levan recollido un bo número de galardóns independentemente do grupo de baile. Non hai que esquecer que en 1.981 Xacarandaina creou o primeiro grupo de pandereteiras do noso país e que neste mesmo ano naceu o Grupo de Gaitas co mesmo fin de colaborar na recuperación do folclore dentro do eido musical. O grupo de pandereteiros naceu no 1999 co fin de cubrir un baleiro musical no grupo, xa que non son poucos os lugares de Galicia onde eran os homes os que interpretaban sós, a capela ou con acompañamento, melodías de traballo, de festa, de cerimonia ou cantos de taberna.

Os tres grupos fan unha dobre laboura: de acompañamento ao Grupo de Baile e de recollida e coidado da nosa música por outra banda. Todos estes músicos funcionan tamén independentemente facendo espectáculos de Música Tradicional por todo o país.

CANTIGAS E AGARIMOS

CANTIGAS E AGARIMOS Cantigas e Agarimos fundouse en Santiago de Compostela no ano 1921 por iniciativa de Bernardo del Río Parada, Salvador Cabeza de León, Henrique S. Guerra e C. Díaz Baliño, sendo, polo tanto, unha das catro agrupacións históricas do folclore galego, que xurdiron da necesidade da expresión do que se ten en chamar "nacionalismo popular".

Dende entón Cantigas e Agarimos, vén traballando arreo na recuperación, conservación e transmisión dalgunhas das formas máis entrañables da nosa cultura tradicional, como son a cantiga, a música, o baile e os traxes populares; colaborando deste xeito, á consolidación da identidade cultural de Galicia, de acordo coas palabras de Vicente Risco: "O pobo ten unha cultura antiga que por selo ten valores que a fan digna de ser conservada".

A través das súas seccións: coral, gaiteiros, grupo de baile e pandereteiras (e antigamente grupo teatral), Cantigas e Agarimos non deixou nunca de ocupar postos privilexiados nos eidos do folclore. Así o acreditan os numerosos premios acadados ao longo da súa traxectoria e as referencias dos historiadores da nosa cultura.

Hoxe, cando estamos comezando un século, o grupo de baile de Cantigas e Agarimos, busca achegar ao publico toda a bagaxe das tradicións que configuran o sentir do noso pobo, articulando un espectáculo de calidade, en que máis de corenta persoas, entre bailadores e músicos, tentan trasladar no tempo ao espectador, levándoo nunha viaxe imaxinaria polas nosas raizames.

Ademais dedica un importante traballo á promoción do baile e da música popular entre os rapaces, por medio da Escola da Muiñeira, Gaita e Pandeireta, Concurso de Baile e Música, Día da Muiñeira, publicación da revista Algalia...

Para máis información podes consultar os seguintes artigos publicados na revista Algalia:

- "Aires da Terra, alí comezou todo", Xabier Calvo García, Revista Algalia, 1.999.

- "A casa de todos nós", Xosé A. Neira Cruz. Revista Algalia, 1.999.

- "80 Aniversario de Cantigas e Agarimos", Ana Rodríguez. Revista Algalia, 2.001.

Principais actuacións

1921: Ano da súa creación e presentación no Teatro Principal de Santiago.

1949: Participa no “Certame Rexional de Coros Galegos” en Lugo.

1960: Participa no “II festival Luxo-Galaico”, en Viana do Castelo.

1961: Representación de Os vellos non deben namorarse, de Castelao.

1967: Representación de O Fidalgo, de Xesús Sanluis Romero e As bágoas do demo, de Ramón de Valenzuela.

1971: Participación no “Festival Internacional de Matosinhos”, en Porto.

1973: Viaxe a Arxentina, con actuacións en Buenos Aires e Montevideo.

1977: Participación no “Festival de Lorient – Bretaña” (Francia).

1985: Representa a Galicia en “Europalia – 85” (Bruxelas, Bélxica).

1987: Actuación no encontro “Sitges i les comunitats autónomes, 87” (Barcelona) e no “Festival de la Seguidilla”, en Ciudad Real.
Organiza o “I Concurso de Baile e Música Tradicional”.

1988: Actuacións en Barcelona e Londres.

1992: Actuación en Sevilla dentro das actividades da EXPO’92.
Actúa diante das Autoridades Españolas e Europeas participantes na “Asamblea de las Regiones de Europa”(A.R.E.), celebrada en Santiago de Compostela.

1993: Actuación para as autoridades que representan ás comunidades Autónomas de España con motivo do Xacobeo’93.

1994: Actuación en “A Gran Gala da Pel” da T.V.G.

1995: Actuación no “Festival Intercéltico de Moaña”.
Actuación na T.V.G. nun programa especial co gallo da Capitalidade Cultural Europea de Santiago de Compostela.
Participa na “Homenaxe ao Gaiteiro” celebrada en Vigo.

1996: Festival conmemorativo do LXXV Aniversario da Agrupación, no Pazo de Congresos e Exposición de Santiago.
Participación no “V Premio Iar de Folclore Galego”, celebrado no Teatro Rosalía de Castro da Coruña.

1997: Viaxe a Andorra e Alemaña.
Participa no "Festival Internacional de Folclore de Pamplona".
Actuación no festival conmemorativo do "XXV Aniversario do Hospital Xeral de Galicia".
O grupo de pandereteiras participa no "Festival Illa Terceira", celebrado nas Azores. Tamén no "Festival Cabuérniga, Musica de los Pueblos del Norte", Ruente (Cantabria).

1998: Participación no "Festival Intercéltico de Lorient-Bretaña" (Francia).

1999: Xira artística realizada dende o 17 ao 27 de maio en Wakallama (Xapón), dentro dos intercambios culturais Galicia-Wakallama; Camiño de Santiago- Camiño Kumano.
Actuación no festival folclórico de Villarrobledo (Albacete).
Viaxe a EEUU co gallo de participar nos actos conmemorativos da semana da hispanidade, destacando a actuación na Biblioteca do congreso dos EEUU, en Washington.

2000: Participación no festival "Andanças 2000" en San Pedro do Sul (Portugal).
Participación na II Mostra de Corais Galegas "GALICIA CANTAT" organizado polo IGAEM.

2001: Participación no 36 FESTIVAL DE VILLANCICOS organizado por CAIXANOVA.
Participación na III Mostra de Corais Galegas "GALICIA CANTAT" organizado polo IGAEM.
Festival conmemorativo do LXXX Aniversario da Agrupación, no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

2002: Participación no II Concurso de Baile Tradicional Galego Azaloira como grupo invitado gañador da edición 2.001.
Participación no "XXII Festival Internacional de Folclore da Cidade de O Porto", en Portugal entre o 24 e o 28 de xullo.

2003: Participación na semana de Galicia nos centros de “El Corte Inglés” de Cornellá e Barcelona, Cataluña.
Participación no Festival Folclórico de Sestao, organizado polo colexio “La Salle” en Bilbao.


Colaboracións



1986: Colabora co grupo Milladoiro no seu traballo Galicia no país das marabillas.

1996: Participa no traballo Navicularia do grupo Berrogüetto. (Podes escoitar algún fragmento na sección ARQUIVO)

Tamén participou na rodaxe de varias películas: a primeira versión de La Casa de la Troya, El bosque animado, entre outras, e en documentais e reportaxes para canles de televisión europeos e latinoamericanos.
Principais Galardóns

1949: 1º Premio no "Certame Rexional de Coros Galegos". Lugo.

1971: Recibe a Medalla de Prata da cidade de Santiago de Compostela e Garabata da Orden de Compostela.

Con motivo das Vodas de Ouro da súa fundación, "CANTIGAS E AGARIMOS" é nomeada "Socio de Honra" do Padroado "Rosalía de Castro".

1976: 2º Premio Internacional do "XII Festival de la Canción de Primavera".

1977: 1º Premio na modalidade típico-popular no "Certame da Canción Coral Galega".

1985: 1º Premio no Concurso "Gente Joven" de T.V.E.

1987: Medalla de Ouro no encontro "Sitges i les comunitats autónomes ´87" dedicado ese ano a Galicia.

1992: 1º Premio no "Festival Internacional de Danza" celebrado en Pineda de Mar (Barcelona).

1993: Premio de interpretación no "Concurso de Panxoliñas no Camiño Xacobeo ´93".

2000: Premio "Luar a Agrupacións Folclóricas"

2000: IX edición "Premio Iar ao Folclore Galego"

2001: 1º Premio no I Concurso de Baile Tradicional Galego "AZALOIRA" de Bandeira (Pontevedra) e Accesits ao Mellor Vestiario e á Mellor Parella de Baile.

Entre 1971 e 1988 conseguiu nas "Xornadas do Folclore Galego", tres medallas de ouro, cinco de prata e cinco de bronce.

LEILÍA

LEILÍA Baixo a palabra patrimonial Leilía, antigo nome que recibían unhas determinadas coplas populares, nace no verán do 89 unha formación de mulleres, que aposta dun xeito pioneiro e atrevido pola recuperación das vellas raíces, buscando a autenticidade co fin de achegala ós nosos días.
Leilía abre un camiño propio ó publicar a mediados dos 90 o primeiro traballo discográfico chamado “Leilía” (Dismedic) composto exclusivamente por cantos tradicionais. Nesta mostra etnográfica as melodías evocan un tempo pasado que, aínda que agonizante, se resiste a esvaecerse.
Co paso do tempo a idea de achegar pasado e presente levounos a provocar un xiro na nosa traxectoria. Para Leilía a evolución foi todo un reto, mais o feito viuse consolidado cando nos decatamos, como moi ben dixo Suso de Toro, que sendo fillas desta terra, tamén o somos deste tempo. Así, no ano 98 Leilía concibe “I é verdade i é mentira” (Virgin Records), onde destaca a producción musical de Nando Casal e Antón Seoane, membros de Milladoiro. Aquí, o respecto pola tradición é a nosa “verdade” e as novas incorporacións: polifonías, instrumentos, ... son as pequenas “mentiras” que axudan ó noso cometido.
Con este novo paso foron moitas as persoas que se achegaron a un mundo que antes descoñecían, dando así vida ó pasado a través do presente. Este feito é o que nos dá enerxía para seguir polo noso camiño.
Neste momento estamos involucradas nun novo proxecto titulado: MADAMA.
A aposta actual pasa por crear letras adaptadas ás melodías tradicionais, que falen dos nosos tempos, das nosas vidas, ... De novo é unha aposta pioneira e atrevida, xa que non se estanca, senón que evoluciona somerxéndonos en novos campos, nos que nos resultaría difícil adentrarnos se non fora polas mans amigas, que están sempre dispostas a axudarnos. Así, contamos entre os nosos colaboradores con:
Suso de Toro, que adorna coa súa regalía de palabras as nosas melodías.
Este destacado escritor, confesounos que cando nos escoitara por primeira vez descubrira en nós ás “Voces Segredas” do “Canto Galego”...
Xesús Carballido, que coas súas prestixiosas obras dá carácter e peso á portada e ó libreto do disco .. Deste grande artista hónranos dicir, que dende o principio nos alentou a seguir no noso camiño, vendo antes que ninguén o que a nosa labor de recuperación e difusión suporía para a cultura de raíz ...

Vari Caramés, que imprime maxia a quen está diante do seu obxectivo, conseguindo unhas fotos que son imaxe real do que somos ...
Xoán Porto, que foi o responsable da producción musical deste disco. Deste excelente músico, estamos orgullosas de dicir que é sen lugar a dúbida, por todo o que leva feito por este traballo, un membro máis de Leilía.
Eric Liorzou que tamén traballou na producción musical deste disco e a quen coñecemos dende o ano 93, a raíz dunha xira internacional co espectáculo “Hent Sant Jakez” no que participamos entre outros Leilía e “Bleizi Ruz” (un dos grupos con máis renome do panorama artístico bretón, e do que é compoñente desde a súa orixe).

A conxunción de amizades, ilusións, ganas e bo facer, dan como resultado un traballo “MADAMA”, que de seguro non vai deixar indiferente ó panorama musical galego.
Este traballo recolle a esencia de Leilía, acadar que as persoas de hoxe en día rían, canten, bailen e se emocionen co legado que os nosos maiores tiveron a ben de amosarnos.
Con este disco buscamos que a tradición oral galega teña unha merecida proxección de futuro.

En son de festa

Cinco horas non é moito para recrear todo un mundo de tradicións vencelladas á festa, pero pode ser un bo comezo. A música de Leílía e de Treixadura, os monicreques de Tanxarina e os contos de Quico Cadaval unen as súas forzas nun proxecto que quere achegar ás cidades e ás vilas galegas unha proposta de festa diferente, un espectáculo no que as diferentes variedade da nosa música tradicional actúan coma eixe e se mesturan con outras manifestacións artísticas.
Cae a tarde. Un pasarrúas de gaiteiros percorre a vila. Na praza, un grupo de danza tradicional bótalle unhas pezas. De alí a unha hora comeza nun escenario achegado a actuación dos monicreques de Tanxarina. En caendo a noite Quico Cadaval presenta no escenario principal o Orfeón Treixadura, que amosa o xeito tradicional de canto masculino. De novo sube Cadaval ao escenario, desta volta para contar algunhas das súas historias e ségueno as cantareiras de Leilía, que presentan os temas do seu último disco, “Madama”. Máis contos de Quico para o descanso, e soben ao palco os gaiteiros de Treixadura, que presentan tamén o seu último traballo, “Unha noite non é nada”. No remate do concerto todos os músicos participantes coinciden no escenario e mesturan os seus sons. Semella o programa dunha festa coma tantas que se organizan nas vilas do país, e na que a química entre as formacións participantes permite que colaboren sobre o escenario. Sen embargo, trátase dunha descrición de “Son de Aquí”, un completo espectáculo que os membros de Leilía e de Treixadura botan a andar este ano e que está dispoñibel para quen o queira contratar.

A orixe da festa
“Un pouco ocorréusenos polo que che van pedindo cando ofreces o grupo nos concellos”, sinala Felisa Segade, de Leilía. “buscabamos xeito de aglutinar varias partes das nosas manifestacións musicais, e un día falando con Treixadura saíu isto”. O feito de que a converxencia se dese con este grupo de gaiteiros non é casual xa que as dúas formacións coincidían a miúdo en concertos e actos culturais polo país adiante. O producto é un completo programa de actos artellados arredor da nosa tradición musical que cubren cinco horas de actividades e están pensados para ocupar unha tarde-noite de calquera vila do país.

Para todos os públicos
“O que pretendemos tamén é que Son de aquí abarque todos os públicos”, apunta Felisa. “Non queremos que sexa unha tarde programada para certo tipo de idade”. Pensando como completar o espectáculo, contactouse con Títeres Tanxarina, que achega unha actuación dirixida aos máis pequenos, e no mesmo sentido, recorreuse a un contacontos tan coñecido como é Quico Cadaval. O Orfeón Treixadura, creado polo grupo homónimo con ocasión do seu último disco, aproveitouse para dar unha maior variedade ao evento. “A música tradicional pura éntralle mellor á xente maior, a danza é para calquera idade de público, ao igual que o de Quico Cadaval”, sinala Felisa. Ademais, “Son de aquí” será diferente en cada lugar no que se represente. O pasarrúas e a danza tradicional que inician o espectáculo quedarán a cargo dos grupos locais que se dedican a estes campos en cada localidade.

Máis e máis barato
Ao final até cincuenta persoas se xuntan nos escenarios do espectáculo. “O que se necesita a nivel de infraestructura é un escenario amplo porque Treixadura e Leilía actúan no mesmo” sinala Felisa. Aínda que iso podería botar para atrás aos concellos a hora de contratar o espectáculo, xa que o escenario corre por conta do cliente, os organizadores téñeno claro: “Se vas collendo os grupos por separado sae máis caro que se os colles en conxunto, e ademais todo o mundo arrima o ombreiro. O caché dos grupos é inferior ao habitual, pareceunos un proxecto interesante e colaboramos todo o que podemos”, lembran desde Leilía. Deste xeito, contar co espectáculo completo quédalle aos interesados nuns doce mil euros. Ademais, os grupos achegan tamén todo o material de iluminación e de son e pódese negociar a duración final dos números por se semella longa de máis.

Estrea e futuro
O oito de maio en Sigüeiro celebrarase o primeiro “Son de Aquí”. O proxecto continúa a darse a coñecer por concellos e diferentes institucións coa intención de levar esta festa por todo o país ao longo do verán. Dependendo de como saia, os grupos que o puxeron en marcha non descartan repetir ou mesmo ampliar a experiencia con máis actividades para vindeiras temporadas. “Hai que ir coas cousas paso a paso, a ver como sae isto e despois unhas cousas levan a outras”, apunta cautamente Felisa. De calquera xeito, queda cando menos a iniciativa pioneira destes músicos ao crear e xestionar pola súa conta e risco un espectáculo global sen depender de programacións oficiais.

MERCEDES PEÓN

MERCEDES PEÓN Mercedes Peón, é hoxe por hoxe unha das artistas de maior proxección dentro do chamado fenómeno de músicas do mundo. unha proba disto son os exitos acadados co seu primeiro traballo discográfico isué , co que se fixo merecedora, entre outras, das seguintes distincións:

· Mellor disco de europa 2000 polas listas folkworld
· Unha das mellores artistas neste apartado pola Bbc
· Top dez en Songline
· Artista revelacion pola TVG

O seu bo facer nos escenarios quedou patente en festivais de todo o mundo; festivais da talla do Dranouter E Sfink En Bélxica, Lorient E Les Suds En Francia, Sete Sois E Sete Luas E Intercéltico De Oporto En Portugal, Groban En Eslovenia, Celtic, La Mar De Músicas, Etc. todos eles loaron enormemente a Mercedes Peón pola súa entrega ó publico e polo seu impactante directo, pleno de forza e enerxía, e de feito, mesmo foi invitada repetidas veces nalgúns destes eventos.
Agora Mercedes Peon preséntanos o seu novo traballo discográfico, Ajrú , título que dá sentido ó berro de ledicia de festa que as xentes de Galicia expresan nos seus momentos de maior intensidade .

Ajrú é un espectáculo pleno de dinamismo, de ritmos frenéticos mesturados con melodías verdadeiramente intimistas, de cantidade de instrumentos que fusionan os seus timbres mantendo por mastro o máis tradicional que vaga nos sons máis vangardistas. e todo isto, levado por unha voz que representa a verdadeira forza do noso son, a de Mercedes Peón.
Ajrú é un gran espectáculo que chega a todos os públicos como o amosan os teatros cheos e un público entregado dende o primeiro momento, bailando e coreando as melodías. sen d úbida dará que falar.

CARLOS NÚÑEZ

CARLOS NÚÑEZ Carlos é o gaiteiro galego máis universal de tódolos tempos:había moitos, moitos anos que ningún gaiteiro solista acadaba esta sona e popularidade en Galicia,si é que alguén a acadou, e certamente nunca tanta fora.
Carlos conseguiu dende moi noviño o que ningún galego ata el, ser considerado entre os primeiros gaiteiros do mundo, algo ata entón reservado a escoceses, irlandeses ou bretóns.
Tamén é salientable e infrecuente que ó mesmo nivel de execución quea gaita, toca todo tipo de frautas, whistles, ocarinas,...
De feiro estudiou a carreira de frauta de pico no Conservatorio de Madrid e acadou as máximas calificacións posibles:Matrícula de Honra e Premio Extraordinario de Fin de Carreira.
Pero Carlos é moito máis ca un excepcional intérprete, é un investigador, pioneiro, productor,comunicador carismático, embaixador cultural,e aínda que raramente poila súa enorme autoesixencia, compositor... en definitiva un artista excepcional.
Ós seus trinta anos e con toda a súa carreira por diante, o vigués leva moito camiño andado, dende que ós 8 anos decidiu tocar a gaita contra o que daquela se aconsellaba ós nenos, ou dende que ós doce fose invitado como solista da Orquesta Sinfónica de Lorient a interpretar unha composición do irlandés Shaun Davey, que case 20 anos máis tarde comporía novas partes para esa mesma obra especialmente para Carlos.
En 1989 gravou por primeira vez co mítico grupo irlandés The Chieftains para a banda sonora da Illa do Tesouro con Charlton Heston e Oliver Reed, ¡nunca agaita galega sonara a traves dun altofalante tal! Dende entón Carlos gravou diversas veces cos irlandeses, tanto para os seus propios discos como para os deles e para o seu gran éxito The Long Black Veil e sobre todo "Santiago", adicado a Galicia e gañador dun Grammy, o único de agora para a música galega.
Por este disco converteuse no "Séptimo Chieftein", e acompañou ós mestres por todo o mundo dandfo centos de concertos con eles.
Isto permitiulle sentirse como na casa en esceas míticas como a do Carnegie Hall de Nova Iorque ou o Albert Hall de Londres, ou participar en acontecementos como "The Great Music Experience", televisado a todo o mundo dende Xapón, con Bob Dylan,Joni Mitchell, Bon Jovi, INXS e organizado pola UNESCO, etc.
Resultado destas experincias foi o seu primeiro disco, "A Irmandade das Estrelas", editado no 96. Foi disco de Platino en España, un feito na música galega só mellorado por Carlos nos seus seguintes discos.
Este éxito creou un verdadeiro boom e conseguiu unha atención para a música galega que esta xamáis tivera. Por vez primeira tamén,introduciu aá daquela ensimismada música tradicional galega a moitos artistas que craron versións de pezas que agora se consideran como as clásicas.
Foi tamén á volta a canción en galego, asoballada polo instrumental naqueles anos: lembremos o "Negra Sombra" de Luz e Ry Cooder, a descoñecida "Lela" con Dulce Pontes...
O disco, co-producido por Carlos, Ry Cooder e Paddy Moloner, asomou unha visión moito máis aberta da que se tiña da música galega, prestando especial atención a conexións musicais históricas da música galega descubertas en grande medida gracias ás viaxes, como a da música latina chegada de América gracias á emigración, a medieval europea recibida polo camiño de santiago e os sons orientais que chegaban do sur.

O segundo disco, Os Amores Libres, vai por un camiño máis orixinal, rigoroso e de calidade extrema, que o convirte en histórico dende a súa saída malia as incomprensións dos máis pechados que logo as asimilarían e a esquecerían. Foi ademáis un novo éxito de ventas, entrou inmediatamente o número 3 das listas españolas e foi ouro nunha semana acadando a día de hoxe 250.000 copias vendidas só en España dende a súa publicación en abril do 99.

Estre complexo e arriscado traballo, gravado en 2 anos e 10 países diferentes explora as conexións entre a música galega enmarcada na música celta e as músicas orientais partindo do flamenco, demostrando que este curruncho atlántico ten moito máis de mediterránea, e que anosa parte máis arcaica pode por iso resultar moderna.
O seu terceiro disco abre unha vez máis un novo camiñio, "Maio Longo", editado en Xullo do 2000. foi ouro nese mes e superou no Platino coma nos anteriores e gracias ás inclusión de cancións atravidamente pop, foi número 1 en tódalas radiofórmulas, feirto sen precedentes na carreira de Carlos e na raíz da música galega.
Carlos animouse por vez primeira a publicar unha das súas composicións, cecais animado pola letra que para ela escribiu o exSupertramp Roger Hodgson.
Unha vez máis confiou Carlos nunha grande vocalista portuguesa, neste caso moi noviña, Anabela, formada no fado portugués gtradicion al pero aberta a outros estilos.
Cobran especial relevancia neste disco dous excepcionais multiinstrumentistas da banda de Carlos, o veterán Pancho Álvarez e o seu irmán Xurxo Núñez.
Bótanlle unha man os seus inseparables amigos irlandeses, o productor francés de avangarda, Hector Zazou, nas partes máis tecnolóxicas e instrumentais, que tamén nas hai nesta disco.

Recentemente Carlos presentou a súa primeira antoloxía nomeada "Todos os Mundos". El mesmo fixo a selección dos temas entre os seus tres discos así como as moitas colabouras que lea feitas para outros amigos artistas e que polo tanto estaban dispersas e aparecen xuntas por vez primeira.
O seu grupo de directo inclúe voces, guitarra, boutzouki, violín. baixo, acordeón, batería e percusión, ademáis de invitados como bailarines,pandereteiras ou bandas de gaitas en ocasións espoeciais.
A Carlos Núñez banda non só arrasa na casa, senón en medio mundo sendo con diferencia o grupo galego máis solicitado para tocar internacionalmente, non en van rebasaron a abraiante cifra de 150 concertos en 1997, presentando o seu primeiro disco e non baixaron de cifra dende entón.
Teñen certamente a calidade esixida polo público dos máis importantes teatros do mundo, pero tamén fan tolear de ledicia a moitedumes como probaron no Womad ante 80.000 persoas ou en Roma ante 2.ooo.ooo convocados polo Papa no 2000.
Carlos obtivo todo tipo de premios e nominacións das cales podemos suliñar, o premio Ondas como mellor artista en dirtecto, dúas nominacións ós Grammys Latinos, Premio Sabetia-Ter, Premio da Crítica de Galicia, de La voz de Galicia, de El Correo Gallego, dos Xornalistas Vgalegos en Madrid, Vieira de Plata, etc.