Blogia
FOLCKLORE GALEGO

LEILÍA

LEILÍA Baixo a palabra patrimonial Leilía, antigo nome que recibían unhas determinadas coplas populares, nace no verán do 89 unha formación de mulleres, que aposta dun xeito pioneiro e atrevido pola recuperación das vellas raíces, buscando a autenticidade co fin de achegala ós nosos días.
Leilía abre un camiño propio ó publicar a mediados dos 90 o primeiro traballo discográfico chamado “Leilía” (Dismedic) composto exclusivamente por cantos tradicionais. Nesta mostra etnográfica as melodías evocan un tempo pasado que, aínda que agonizante, se resiste a esvaecerse.
Co paso do tempo a idea de achegar pasado e presente levounos a provocar un xiro na nosa traxectoria. Para Leilía a evolución foi todo un reto, mais o feito viuse consolidado cando nos decatamos, como moi ben dixo Suso de Toro, que sendo fillas desta terra, tamén o somos deste tempo. Así, no ano 98 Leilía concibe “I é verdade i é mentira” (Virgin Records), onde destaca a producción musical de Nando Casal e Antón Seoane, membros de Milladoiro. Aquí, o respecto pola tradición é a nosa “verdade” e as novas incorporacións: polifonías, instrumentos, ... son as pequenas “mentiras” que axudan ó noso cometido.
Con este novo paso foron moitas as persoas que se achegaron a un mundo que antes descoñecían, dando así vida ó pasado a través do presente. Este feito é o que nos dá enerxía para seguir polo noso camiño.
Neste momento estamos involucradas nun novo proxecto titulado: MADAMA.
A aposta actual pasa por crear letras adaptadas ás melodías tradicionais, que falen dos nosos tempos, das nosas vidas, ... De novo é unha aposta pioneira e atrevida, xa que non se estanca, senón que evoluciona somerxéndonos en novos campos, nos que nos resultaría difícil adentrarnos se non fora polas mans amigas, que están sempre dispostas a axudarnos. Así, contamos entre os nosos colaboradores con:
Suso de Toro, que adorna coa súa regalía de palabras as nosas melodías.
Este destacado escritor, confesounos que cando nos escoitara por primeira vez descubrira en nós ás “Voces Segredas” do “Canto Galego”...
Xesús Carballido, que coas súas prestixiosas obras dá carácter e peso á portada e ó libreto do disco .. Deste grande artista hónranos dicir, que dende o principio nos alentou a seguir no noso camiño, vendo antes que ninguén o que a nosa labor de recuperación e difusión suporía para a cultura de raíz ...

Vari Caramés, que imprime maxia a quen está diante do seu obxectivo, conseguindo unhas fotos que son imaxe real do que somos ...
Xoán Porto, que foi o responsable da producción musical deste disco. Deste excelente músico, estamos orgullosas de dicir que é sen lugar a dúbida, por todo o que leva feito por este traballo, un membro máis de Leilía.
Eric Liorzou que tamén traballou na producción musical deste disco e a quen coñecemos dende o ano 93, a raíz dunha xira internacional co espectáculo “Hent Sant Jakez” no que participamos entre outros Leilía e “Bleizi Ruz” (un dos grupos con máis renome do panorama artístico bretón, e do que é compoñente desde a súa orixe).

A conxunción de amizades, ilusións, ganas e bo facer, dan como resultado un traballo “MADAMA”, que de seguro non vai deixar indiferente ó panorama musical galego.
Este traballo recolle a esencia de Leilía, acadar que as persoas de hoxe en día rían, canten, bailen e se emocionen co legado que os nosos maiores tiveron a ben de amosarnos.
Con este disco buscamos que a tradición oral galega teña unha merecida proxección de futuro.

En son de festa

Cinco horas non é moito para recrear todo un mundo de tradicións vencelladas á festa, pero pode ser un bo comezo. A música de Leílía e de Treixadura, os monicreques de Tanxarina e os contos de Quico Cadaval unen as súas forzas nun proxecto que quere achegar ás cidades e ás vilas galegas unha proposta de festa diferente, un espectáculo no que as diferentes variedade da nosa música tradicional actúan coma eixe e se mesturan con outras manifestacións artísticas.
Cae a tarde. Un pasarrúas de gaiteiros percorre a vila. Na praza, un grupo de danza tradicional bótalle unhas pezas. De alí a unha hora comeza nun escenario achegado a actuación dos monicreques de Tanxarina. En caendo a noite Quico Cadaval presenta no escenario principal o Orfeón Treixadura, que amosa o xeito tradicional de canto masculino. De novo sube Cadaval ao escenario, desta volta para contar algunhas das súas historias e ségueno as cantareiras de Leilía, que presentan os temas do seu último disco, “Madama”. Máis contos de Quico para o descanso, e soben ao palco os gaiteiros de Treixadura, que presentan tamén o seu último traballo, “Unha noite non é nada”. No remate do concerto todos os músicos participantes coinciden no escenario e mesturan os seus sons. Semella o programa dunha festa coma tantas que se organizan nas vilas do país, e na que a química entre as formacións participantes permite que colaboren sobre o escenario. Sen embargo, trátase dunha descrición de “Son de Aquí”, un completo espectáculo que os membros de Leilía e de Treixadura botan a andar este ano e que está dispoñibel para quen o queira contratar.

A orixe da festa
“Un pouco ocorréusenos polo que che van pedindo cando ofreces o grupo nos concellos”, sinala Felisa Segade, de Leilía. “buscabamos xeito de aglutinar varias partes das nosas manifestacións musicais, e un día falando con Treixadura saíu isto”. O feito de que a converxencia se dese con este grupo de gaiteiros non é casual xa que as dúas formacións coincidían a miúdo en concertos e actos culturais polo país adiante. O producto é un completo programa de actos artellados arredor da nosa tradición musical que cubren cinco horas de actividades e están pensados para ocupar unha tarde-noite de calquera vila do país.

Para todos os públicos
“O que pretendemos tamén é que Son de aquí abarque todos os públicos”, apunta Felisa. “Non queremos que sexa unha tarde programada para certo tipo de idade”. Pensando como completar o espectáculo, contactouse con Títeres Tanxarina, que achega unha actuación dirixida aos máis pequenos, e no mesmo sentido, recorreuse a un contacontos tan coñecido como é Quico Cadaval. O Orfeón Treixadura, creado polo grupo homónimo con ocasión do seu último disco, aproveitouse para dar unha maior variedade ao evento. “A música tradicional pura éntralle mellor á xente maior, a danza é para calquera idade de público, ao igual que o de Quico Cadaval”, sinala Felisa. Ademais, “Son de aquí” será diferente en cada lugar no que se represente. O pasarrúas e a danza tradicional que inician o espectáculo quedarán a cargo dos grupos locais que se dedican a estes campos en cada localidade.

Máis e máis barato
Ao final até cincuenta persoas se xuntan nos escenarios do espectáculo. “O que se necesita a nivel de infraestructura é un escenario amplo porque Treixadura e Leilía actúan no mesmo” sinala Felisa. Aínda que iso podería botar para atrás aos concellos a hora de contratar o espectáculo, xa que o escenario corre por conta do cliente, os organizadores téñeno claro: “Se vas collendo os grupos por separado sae máis caro que se os colles en conxunto, e ademais todo o mundo arrima o ombreiro. O caché dos grupos é inferior ao habitual, pareceunos un proxecto interesante e colaboramos todo o que podemos”, lembran desde Leilía. Deste xeito, contar co espectáculo completo quédalle aos interesados nuns doce mil euros. Ademais, os grupos achegan tamén todo o material de iluminación e de son e pódese negociar a duración final dos números por se semella longa de máis.

Estrea e futuro
O oito de maio en Sigüeiro celebrarase o primeiro “Son de Aquí”. O proxecto continúa a darse a coñecer por concellos e diferentes institucións coa intención de levar esta festa por todo o país ao longo do verán. Dependendo de como saia, os grupos que o puxeron en marcha non descartan repetir ou mesmo ampliar a experiencia con máis actividades para vindeiras temporadas. “Hai que ir coas cousas paso a paso, a ver como sae isto e despois unhas cousas levan a outras”, apunta cautamente Felisa. De calquera xeito, queda cando menos a iniciativa pioneira destes músicos ao crear e xestionar pola súa conta e risco un espectáculo global sen depender de programacións oficiais.

0 comentarios